Noe López, na previa ante o CD Barco: «O equipo chega confiado en poder reverter a mala situación de resultados»

"As sensacións son boas", afirmou

Noe Lopez, adestrador do #SILVA2526, valorou na previa ante o CD Barco que «creo que será un partido igualado, como case todos na Grela, e cun Barco que virá a agardarnos e tentar provocar que cometamos algún erro, como contra o Montañeros ou o Estradense».

«O equipo chega confiado en poder reverter a mala situación de resultados, sabendo que aínda as distancias de puntos son curtas, e con intención de romper a mala dinámica coa que comezamos», dixo.

O adestrador define que «as sensacións son boas, traballouse ben e en función do que cremos que nos imos atopar o sábado, con moitas ganas de que chegue o partido para poder darnos unha alegría en forma de vitoria».

«Creo que unha das cousas que nos está penalizando neste inicio son os erros evitables que están a condicionar os partidos, sobre todo ao principio. Debemos volver ser ese equipo agresivo e vertical para poder facer dano ao xogo posicional do Barco», manifestou.

Sobre o aspecto físico, afirmou que «vexoos ben. O traballo foi bo como case todas as semanas. Anímica­mente estamos con moitas ganas e debemos controlar a ansiedade por ter que gañar, que ás veces xoga malas pasadas. Sairemos con moita forza pero controlando os ritmos do partido para non dar facilidades, que adoitan aparecer cando a necesidade de gañar é alta».

«Creo que hai moita marxe de mellora. É certo que hai moitos xogadores novos e é normal que haxa desaxustes, pero penso que nestas situacións debemos empezar a crer dende a seguridade defensiva. Cando sexamos fortes aí, comezaremos a medrar noutros aspectos. Encaixamos nas primeiras partes dos cinco partidos, e esa é a base para que o equipo empece a ter máis confianza», concluiu.