O xogador do #SILVA2526, Jose Moure, agarda de cara ao sábado ante o CD Barco un partido duro, físico, con moito duelo e disputa. «Sabemos que Grela 1 é un campo que iguala as condicións contra calquera equipo e temos que adaptarnos rápido e ser capaces de conseguir a primeira vitoria».
Ao seu xuízo, o equipo «está adestrando ben a pesar dos resultados, iso é algo que non nos preocupa. O míster sempre nos esixe que adestremos ao máximo para poder trasladalo ao domingo».
Para o mediocentro silvista, o grupo está «unido. É un grupo que traballa e que ten gañas de levantarse dun mal inicio. Sabemos que temos equipo para facelo mellor e a función dos veteranos é non deixar que ninguén se relaxe e continuar traballando».
En canto ao partido, Moure considera que «esta competición é unha liga na que calquera lle gaña a calquera a base de erros, polo que para sumar os tres primeiros puntos precisamos limpar a cabeza, minimizar eses erros e confiar na vitoria».
O equipo, ao seu criterio, atópase «ben», «preparado para competir» e «o bo que ten o fútbol é que, cada sete días, tes opción de recuperarte e o que unha fin de semana semellaba o fin do mundo, á seguinte vólvese unha festa».
Por último, considera que a nivel persoal debe «subir o rendemento. Este último partido non foi o meu mellor encontro, pero isto é fútbol e esta semana preciso ser mellor e tirar dos meus compañeiros para transmitirlles esa confianza. A nivel grupal, corrixir os erros. Nesta categoría pénalizante e, ao final, en todos os partidos tivemos algún erro que se transformou en gol en contra, polo que debemos minimizar os erros e tratar de aproveitar o que nos conceda o rival».