Noe López: «Encadear dous bos resultados pode cambialo todo»

O adestrador detalla a previa contra o Juventud Cambados

Noe Lopez, adestrador do #SILVA2526, explicou na previa do encontro ante o Juventud Cambados que «chegamos cun bo traballo semanal, cunha idea clara para o sábado e sabendo que é un partido importante para comezar a escalar en puntos, seguir mellorando en sensacións e sumar a segunda vitoria consecutiva na casa».

«O traballo foi, como case sempre, moi bo, mirando aspectos orientados ao rival que cremos que poden ser importantes no partido. Incidimos nos erros cometidos en Boiro para que non se repitan, porque ao final son os que nos están a penalizar en forma de poucos puntos e demasiados goles encaixados», refrenda o técnicoi.

Cree uqe será «un partido con moitas disputas e duelos. O Cambados é un equipo que defende moi ben e sae en transición con xogadores rápidos… será un encontro pechado e de estar moi concentrados. Poñerse por diante é clave e hai que ir a polos tres puntos sen que nos poidan as présas».

Esta semana incidiron «moito en movementos para xerar superioridades en función de como defende o rival, como e cando presionalos, e tamén no balón parado, que nos está a penalizar moito neste inicio de tempada».

Para el, «agás co Compos en Santiago, que creo que foron mellores, en todos os partidos se competiu a un bo nivel. Nesta categoría débense minimizar aspectos e erros que condicionan os partidos. Nese sentido temos un debe entre os erros propios e os que conseguimos que cometa o rival. A vitoria que logramos foi sen encaixar e esa debe ser a idea para sumar de tres. A diferenza será ser agresivos sen balón, gañar duelos, non conceder situacións de transición e acertar coas ocasións que teñamos».

Con todo, sostén que «aínda que non foi un bo inicio de tempada, os xogadores son conscientes de que isto cambia cada semana. As distancias aínda son curtas e están coa confianza e mentalidade de encadear dous ou tres bos resultados para ir medrando tanto en puntos como na confianza neles mesmos».