Parafita, atacante do #SILVA2526, afirmou na previa do choque ante CD Boiro que «chegamos coa moral a tope, xa recuperamos a esencia do que é o Silva, un equipo moi unido, que encaixa moi pouco e que aproveita as ocasións que ten. Estou seguro de que pronto estaremos onde nos merecemos polo nivel de cadro, pero sen relaxarnos, porque calquera pequeno erro, como os que tivemos ata agora en accións puntuais, pode custar os 3 puntos».
Sobre o inicio de liga do equipo, declarou que «é certo que este inicio está a ser difícil para min, adaptándome a un novo adestrador, novas posicións e defensas que xa me coñecen e que están sendo duros comigo, pero non é ningunha escusa. O ano pasado fixen 17 goles e no equipo esperan que volva axudar desta forma, así que cada fin de semana póñome esa presión e ambición por volver marcar. No último partido acabei moi contento e estiven preto do gol, así que cando entre o primeiro, xa está».
En canto ao Boiro, pensa que será «un rival duro, o ano pasado complicounos moito na súa casa. Teñen unha gran afección que empurra moito e, ademais, fixeron grandes fichaxes este ano co potencial económico que sempre tivo o Boiro».
A clave, para o de Cerceda, é «sobre todo adaptarnos rápido ás condicións do terreo de xogo e non encaixar gol. Creo que debemos seguir traballando nesa solidez defensiva que tanto caracteriza a este equipo e que os rapaces novos pouco a pouco van interiorizando. A partir de aí, a xente de arriba ten que facer o seu traballo e marcar gol».
Con todo, cree que «necesitamos encadear dúas ou tres vitorias seguidas, algo que é moi difícil nesta categoría, e demostrar que non nos dean por mortos en outubro. Ao meu ver, estase a falar demasiado sobre o Silva e hai que lembrar que levamos 12 anos consecutivos en 3ª RFEF, e que moitos dos xogadores deste cadro son desexados por outros equipos, así que…»
Sobre o vestiario, concluiu que «está coma sempre. Levo 5 ou 6 anos no Silva e nunca houbo mal ambiente. Ao contrario, todo son bromas e alegría. Eu son o primeiro que, cando as cousas non me saen, aínda que sexa un pouco vinagre e lle dea a lata a todo o mundo, sempre estamos de risas».