A Concellería de Deportes apoia a decisión da Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC) de desputar a porta pechada os partidos dos campos da Cidade Deportiva A Torre-Arsenio Iglesias. A situación epidemiolóxica provocada pola pandemia da COVID-19 esíxenos a maior rigorosidade á hora de cumprir e facer cumprir as normas fixadas pola Xunta de Galicia e os protocolos do propio concello. Como institución, velamos e responsabilizámonos do cumprimento das normas.
No Diario Oficial de Galicia do mércores, 17 de marzo de 2021, no artigo 3.21 especifícase que se permitirá a celebración de competicións deportivas con público sempre e cando este permaneza sentado e garde a distancia mínima de seguridade de metro e medio nas catro direccións. Non todos os campos de fútbol da Torre teñen bancada.
Ademais, o protocolo de uso das instalacións deportivas municipais da Coruña determina, como o resto de protocolos, que lle corresponde a cada entidade deportiva o control de acceso do público e esixe que cada club nomee unha persoa que exerza as funcións de coordinador/a Covid-19. Recoméndase que esa persoa non sexa o adestrador ou a adestradora. Esta persoa encárgase de que se cumpran todas as medidas de protección da saúde establecidas no protocolo, entre elas levar un rexistro das persoas autorizadas a acceder ás instalacións. O protocolo di no seu artigo 5.9 que se a entidade non pode garantir o control de acceso, non estará permitida a entrada mais que dos e das deportistas, corpo técnico, directiva e, no seu caso, medios de comunicación.
A maioría dos clubs de fútbol non dispón de recursos humanos suficientes para atender esta esixencia, necesaria para seguir a trazabilidade de posibles infeccións. A AFAC decidiu, en aras da igualdade, que ou todos, ou ningún. A Concellería de Deportes apoia esta decisión.
Este sábado, por exemplo, dispútanse nos campos da Cidade Deportiva da Torre-Arsenio Iglesias 35 partidos de fútbol 8, 2 de fútbol 11 e 1 de fútbol gaélico. Cada hora e media entran e saen novos equipos e procédese á desinfección dos lugares comúns. Hai tres campos que se dividen para que se xoguen dous partidos á vez. O fluxo constante de público iría en perxuizo non só das entidades, senón tamén da axilidade da competición.
A Torre-Arsenio Iglesias acolle o 70 % dos partidos programados hoxe na cidade. O 30 % restante repártase entre o campo de Elviña (que non é de titularidade municipal e onde non se permite a entrada de afeccionados) e tres campos municipais (Rodrigo García Vizoso, Víctor Fernández Alonso e San Pedro de Visma). Nestes últimos cada club decide se os partidos son a porta aberta.
Pedimos a colaboración das e dos familiares que se ven afectados/as. Son tres meses de competición exprés e do que se trata é de facilitarlles aos nenos e nenas o desexo de practicar con tranquilidade o seu deporte preferido. Pregámoslles que atendan as recomendacións dos clubs sobre a entrega e recollida dos cativos e cativas para evitar as aglomeracións nas portas da instalación. Estamos cada vez máis preto do final. Queda menos para que recuperemos certa normalidade. Con pasos seguros, para que non teñamos que volver atrás. Sempre pensando no mellor para os e as deportistas.