Noe Lopez, adestrador do Silva SD analizou a situación do equipo antes do encontro deste domingo, amosando confianza plena no grupo e nas súas posibilidades de mellora.
“O equipo traballou ben durante a semana, con moitas ganas de que chegue o domingo e poder demostrar que somos mellores do que a clasificación di. Agora todos son conscientes de que é importante estar unidos e traballar, se cabe, aínda máis, para que o rendemento no partido sexa mellor”, apuntou o técnico branco.
Sobre o estado anímico e o compromiso dos seus xogadores, engadiu que “percibo que os xogadores saben que hai unha marxe moi grande de mellora, seguen confiando nas nosas posibilidades e vexo o grupo con convicción e con ganas de sumar puntos que reforcen esa confianza e nos permitan saír da parte baixa da táboa”.
Preguntado polos aspectos a mellorar, foi claro: “Fáltannos moitas cousas, o primeiro é minimizar erros que nos están penalizando cada semana. Cando o equipo se sinta forte defensivamente, esa será a base para crecer no resto de aspectos. Nunha liga tan igualada debemos ser máis fiables e agresivos sen balón”.
Tamén quixo poñer en valor o traballo mental do grupo nestes momentos: “O aspecto psicolóxico é moi importante. Tentamos transmitir que, cando pasas por estas situacións, só queda traballar, insistir e mentalizarse de que somos moito mellores do que estamos amosando. Non hai outro camiño. Quen nos dea por rendidos en outubro, non coñece o club, nin o grupo, nin ao adestrador”.
Sobre o rival desta fin de semana, destacou que “é un equipo recentemente ascendido pero que se reforzou moi ben. Teñen un ritmo alto co balón e na casa están a conseguir bos resultados. Agardamos un partido igualado no que necesitaremos estar moi concentrados, non conceder transicións e facerlles dano co plan de xogo que imos propoñer, centrado en aspectos nos que cremos que poden ter algunhas debilidades”.

